Wednesday 15 de May de 2024

Acto de graduación de 37 alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato do IES de Brión, con 12 expedientes por riba do 8,5


O salón de actos do IES de Brión quedou pequeno para acoller o acto de graduación dos 37 alumnos e alumnas de Segundo de Bacharelato, que nos próximos días afrontarán as probas de acceso á Universidade. Un acto ao que asistiron o alcalde de Brión, José Luís García; a concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas; e o director do IES de Brión, José Antonio Caneda, á fronte do profesorado do centro.

José Antonio Caneda entregou dous diplomas acreditativos da concesión de sendas Matrículas de Honra ás alumnas Belén Moldes Pais e Carmela Vieites Filgueira, así como outras 10 mencións especiais ao alumnado que tiña un expediente académico por riba do 8,5 pero que non recibiu Matrícula de Honra: Guillermo Adeva Contreras, Carmen Cascallar Salvador, Xosé Lois Piñeira, Andrea Roo Triñanes, Carmen Trigo Cobas, Miranda Rodríguez Sánchez,Rosalía Sambade Vázquez,Pablo Villar Abeijón, Manuel Xiráldez Leal e Simón García-Bodaño Vilaseco.

O alcalde brionés agradeceu o traballo realizado tanto polo profesorado e equipo directivo do IES Brión, como polas familias dos rapaces e rapazas que se gradúan este ano. Finalmente, e antes o nerviosismo dos presentes ante a proximidade das probas de acceso á Universidade, García indicoulles que “aínda que levedes un ano pendentes da dichosa Selectividade, podo garantir que hai vida despois deste exame”.

Finalmente, José Antonio Caneda agradeceu tamén a colaboración do Concello de Brión e o traballo das familias. Ao alumnado, Caneda aconselloulles “traballade duro e desfrutade de cada momento. Atrevédevos a pensar distinto, non tendes que ser politicamente correctos”.